Para que vos sirva de guía, e para que non vos paredes en cada unha das palabras que descoñezades, o conto relata a historia dun vello que lembra a súa vida, de pequeno de pastor no monte, entre penedos que lle daban medo polas formas animais ou monstruosas, como as figuras das nubes..., e que decide facerse canteiro. Deste esta mudanza e, por tanto, cambiando a aldea pola cidade, esculpe unhas figuras que lembran eses monstros da infancia e decide situalos nun lugar en que non nos dean medo, mais onde tampouco sexan libres. Son as gárgolas, nunha marabillosa conxunción da arquitectura cidadá a partir do prestixio da natureza...
O escultor dos feos bechos
De vello, moi vello e só coas súas maxinacións de lusco-fusco naceulle na alma o amor dos silencios dos ermos, das horas dos pastores, lombos de habenzas, loiros, brancos, combados no gusto e no doce esquezo de seren acariñados polas mans do pastor de ollos inocentes. Remanecéralle o gusto da mañá nos labios. Era pastor novo, pernas de pisco. Nos ollos deitáballe unha fonte de luz de mañá. Pastoreaba na gándara mol, de tenros verdeceres. Eran os seus marcos os disformes penedos. Eran do feitío das nubes. Pero estas pasaban ledas, ceibes, sempre mozas. Eran cancións, , sorrisos, escumas. Que pecado fixeran os penedos? Pesadelos, medos, risas de demos e de xurifás, sempre agrilloados, quietos, sen consolo.
Unha vez chegaron uns homes con ferro e maña. Rompían os penedos. O neno ollou a dor no ollo baleiro do sapoconcho e a rabia no rabo retorto da cobra. E riu. Pois dábanlle medo, e agora, habendo homes, música de picos e xerros de viño no monte, era outra cousa.
Os seus ollos estaban afeitos a esculcar nos penedos. Medráballe o medo canto mellor os coñecía. Na grande escola de abstraccións e paradoxos do ermo, deu en cavilar se non serían os penedos espello, riso e vergonza dos homes. O onceneiro de Cabo da Vila afiaba as poutas como a pena do lobo. Nos vellos, o tempo descubría covas de ollos e nas nocas do prioiro había semellanzas penedosas. No adral branquexaban ósos. Ningunha caveira atal medoña como a pedra que chamaban “do ovo”. Non serían as greas de penedos do monte a habenza dos xigantes pecados, e os máis semellantes ao home os anacos dos cadáveres de disformes pastores? O pastor dos ollos de fontela de abrente aprendeu canteiro. –“Non sei que man rexa me leva. Un escuro vento de noite empurra por min. Estas mans algo teñen de maquiar e ofrendar”, dicía aos máis pastores. E espreitaba no remate dunha canella escura de deitados penedos en formas cansas, medoñas, burleiras, un calmo lucir de ceos e nubes.
O cantareiro son dos picos e a graza das faíscas envolvía como unha orballeira a fonda e disforme canteira de Santiago. O mozo vivía en pasmo, gozo e respecto. Era a pedra limpa e clara, infinda e sinxela, sen nome nin historia, a de entraña fresqueira como a auga agromaba en podente carballeira de formas... Entre as arquitecturas, como carreiros as rúas, como camposas e gándaras as prazas. No abrente e no solpor o remate tronzaba duro, cruel, o ceo, e o chover debruzábase dos tellados cun laio igual e alongado. E o pastor feito canteiro pensou nos bechos do seu ermo e nos pesadelos dos seus soños. A un tempo risa e amor afastaban os medos. E traballando unha fermosa pedra esculpiu a feitura do sapo. E despois foron saíndo os lobos e os lagartos. De noite pechaba a porta e non sabía á mañá se eran deles ou dos pesadelos os laios e ruxidos da noite.
–“Rematarán por me esgarrapizaren coas poutas, me esfarelaren cos dentes, me crebaren o corpo coas ás, cos rabos...”
Un teólogo deulle algúns consellos. Pouca prudencia chamar polos pecados. O pecado é sempre cantidade negativa e así en escultura collen forza e ancoran como navíos con fletes do mal nos peiraos do mundo. E tampouco deixalos no mundo. Nas fragas acrecerían os fantasmas pagáns. Mellor oufegalos na terra... Pero o pastor escoitaba no seu corazón outros anceios: non pode haber para eles unha esperanza, sequera unha luciña de rednción? Eu mireinos tristes na fonda soidade do monte. A soidade que demarca por unha beira coas estrelas, por outra cos soños e os fumes das aldeas. Non lucirá para eles un perdón? E sendo entes tristes, nin servos nin ceibados, demasiado feos e verdadeiros no pecado para sementar o medo polas rúas inzadas de liberdade das torres e das cúpulas –as torres ceibados chafarís de arelanzas, as cúpulas voos de aves milagreiras quentando os seus niños– acordou pólos entre o ceo e a terra, na zona onde rematan os edificios e se equilibran as forzas; alí onde o mundo dos homes se pode enxergar como un formigueiro e os marcos do horizonte da cidade se perden aos lonxes cunha expresión de angurioso adeus...
Vixiantes, lonxe dos homes de abondo para non dar medo a uns, os temerosos, nin riso a outros, os que se fan valentes, pola altura un pouco aliviados da fealdade e tamén apreixados pola pedra para non tender as ás e fuxir, os monstros ficarán abertos e espidos, agardando polo xuízo final que todas as cousas han sufrir. O seu castigo non é de escuridade. Gozan da luz. O seu castigo é de nudeza. A nudeza do pecado e do feo dá noxo ao mesmo pecado e crebanta o seu orgullo. E para se consolar, as gárgolas, monstruosas, riseiras, tristes, por si caladas, en si sen fala, cobran grazas á sinxeleza e bondade do chover fala, voz e canto. Elas debuxan arringleiradas as versións no azul e no tenro gris do ceo das rúas dos homes; elas sofren co tempo quente, morren de sede e os seus fociños imploran e as súas farpas afíanse. Mais, co chover, coa infinda caridade da auga, conténtanse, e as linguas enxoitas gozan de frescores e o chover pasando por elas, fuxidío, adquire voz e salouco ou alegría de himno xubiloso... O pastor, ledo e grave, mirando todo o armentío do seu pensamento e arte ordenado en coros e ringleiras, pensou ter feito boa obra. Así se maquían e compoñen as cousas do mundo. O chover inocente collendo voz e acento nas carautas do mal.
Era vello e só e esquecido. Poboara dunha fauna terrible e riseira os altos das grandes casas, dos mosteiros e igrexas. Como o cazador, para a tranquilidade dos veciños, crava e pon a enxoitar as pelicas do raposo e do lobo nas portas, alí se enfiaban os pecados, en coiros, feos, as tentacións cravuñadas, espertas á vergonza pública. Estaba triste. E comezaron outra volta a lle roer os remordementos. Por que non se deixoi esquecer no monte, afastando coa cruz os medos? Pero antes do seu pasamento tivo un soño. Morrera e levábano ao triste cemiterio. Non chovía. Pero ao lle dar terra decorreu sobre todo Santiago un longo e grave pranto. As xentes, pasmadas, tremaban maxinando un apocalíptico sinal. Era o pranto agradecido das gárgolas por lles ter dado, aínda que triste, vida e voz.
Lémbrome bulindo das longas,retortas e numerosísimas mans das árbores; adentrarmos valentemente nas fauces das covas, co medo de que decidiran pechar a súa temible boca...Lembro ese medo, que torna no sorriso pola ledicia do xogo nos montes.
ResponderEliminarHai uns anos, meus pais mercaron uns bauis de madeira tallada. Neles misturábanse pólas de árbores, demos, frores e serpes. Eu non quería nin pensar no que meus pais irían agochar aló, neses mobres que me miraban con inquedante sorriso. Preguntei porqué escolleran eses debuxos, e dixeron meus pais que o ebanista tallaba o que lle viña en gaña.
Co tempo acadei non reparar nas miradas dos "cofres", e ata abrilos de cando en vez, para rápidamente, e tras comprobar que nada malo sucedía alí dentro, voltar a cerralos coidando que todo quedara como estaba.
Agora, e tras ler este belísimo conto, penso no ebanista, que tamén foi neno, antes de comezar o seu debuxo. Diante dunha madeira indefensa; sen brazos cos que asustar. o home compadécese dela e regálalle boca, dentes e mans. e a temida, máis amada, árbore da infancia volta á vida no seu taller, e na nosa casa.
Gracias por amosarnos este conto, ten imaxes fermosísimas, que axudan a entender o concepto da "cosmovisión" da que tanto falamos na primeira clase. As descricións teñen moita forza ambiental,pódense ver as pedras de Santiago, a paisaxe... Gústame como este vello segue pensando coma un neno, como Otero neste conto nos relata a capacidade da creación de seguir sendo nenos.
ResponderEliminarLara Díaz Pintos.
Para ser sincera, non fun quen de entendelo absolutamente todo. Paréceme un autor ben complicado e non só polo vocabulario ou a época, senón polo estilo da linguaxe.
ResponderEliminarMais, alén diso, eu co que quedei foi coa busca eterna que fai o canteiro tentando fuxir dos seus medos, porque aínda cando el mesmo é quen lles dá forma, ten que situalos ben lonxe de si. É unha metáfora preciosa e se cadra, quen máis quen menos funcionamos así, tentando conxurar as cousas que nos atenazan ao longo da vida, aínda que non sempre sexan monstros tan concretos coma os do conto.
Ola. O conto que nos amosaches é moi fermoso. Como di a miña compañeira Lara, ten imaxes fermosísimas. Se non teño entendido mal, toda a obra de Otero segue o mesmo modelo, seguindo o curso da natureza.
ResponderEliminarNeste conto, pódese apreciar as semellanzas que hai entre a infancia e a vellez. Tanto de neno como de vello, o home ten os mesmos medos, as mesmas inquedanzas e iso pásanos a todos. A única solución que eu lle vería sería afrontar os medos dende nenos para poder superalos antes de chegar a vello. O vello fuxiu deles dunha maneira orixinal. Fuxiu indo cara a cidade e utilizando os penedos como traballo, dándolles vida.
Ao final, os penedos están agradecidos ó que lles deu vida aínda que como di Otero "era o pranto agradecido das gárgolas por lles ter dado, aínda que triste, vida e voz".
MIREYA BENITO MORCUENDE
É un conto moi bonito. Unha forma fermosa de dicir que temos que enfrentarnos ós nosos medos, porque unha vez que o fagamos, decatarémonos de que podemos facer que calquera cousa sexa algo positivo, incluso o que un día tanto nos asustaba. Como fixo o canteiro do conto.
ResponderEliminarA min tráeme lembranzas de Pier Francesco Orsini, Duque de Bomarzo, e o seu xardín dos moustros, non moi lonxe de Roma. Digno de ver se podedes viaxar a Bomarzo.
ResponderEliminarPara enfrentarse ao mundo que lle tocou vivir e deixar nunha cárcere os seus medos, o Duque, mandou esculpir en pedra todos os monstruos que lle atormentaran na súa infancia e adolescencia.
A súa historia nobelóuna Manuel Mujica Lainez, que é por certo outro escritor moi denso na súa escrita, como Pedraio.
Un saúdo. Telmo.
Como a Inés, tamén me resultou complicado de entender, pero esa profundidade cáptase perfectamente. É moi emotivo e transmite moitas cousas; é entrañable. O medo forma parte de nós e é curioso porque nos resulta negativo e atractivo á vez, a min polo menos pásame. Gústanos pasar medo, en parte porque nos fai recordar quen somos, xa que nos acompaña dende sempre e para sempre.
ResponderEliminarO que máis me impresionou deste relato é o final, dálle moita forza. A soidade da morte é algo que a todos nos asusta.