Catro percepcións erróneas sobre a lingua galega
Este pasado Nadal tiven a oportunidade de asistir a un xantar en casa duns amigos. Catro xeracións estaban alí presentes: a avoa, 98 anos, de orixe rural e falante monolingüe en galego. A nai, sesenta e tantos, procedente de periferia urbana e galegofalante habitual, aínda que bilingüe cun castelán tinguido de galego. A miña amiga, corenta acabados de cumprir, clase media urbana, castelanfalante habitual, aínda bilingüe. E as súas fillas, en idade escolar, xa monolingües en castelán e cun coñecemento residual da lingua galega.
Trátase dun feito absolutamente real que exemplifica á perfección o proceso de substitución do galego polo castelán en moitas familias nas que, en só tres ou catro xeracións, se pasou dunha lingua á outra. Ben é verdade que en moitas ocasións o cambio non foi tan drástico, e do falante monolingüe en galego se pasou a falantes bilingües cun predominio quer do galego, quer do castelán, pero sen chegar a un monolingüismo absoluto en castelán. En calquera caso moito me temo que traza o camiño que están seguindo moitas familias deste país, e que han seguir moitas outras se non se lle pon remedio.
Os meus amigos, por suposto, son bos e xenerosos, e tamén intelixentes e cultos. Preocúpalles o cambio climático e a fame do terceiro mundo e a inxustiza e as desigualdades e aspiran a un mundo mellor e máis solidario. Dóelles o feísmo urbanístico de Galicia, que os eucaliptos despracen a flora autóctona dos montes, o eterno atraso nas infraestruturas ou a frecuencia e extensión dos incendios forestais. Mesmo ven con certa preocupación como Papá Noel lle vai gañando terreo aos Reis Magos. Trátase de persoas de ben que teñen un certo compromiso co lugar no que viven porque son conscientes de que as súas fillas herdarán o que de bo ou malo eles lles deixen. E dende logo cónstame que buscan o que consideran mellor para elas e que se esforzan na súa educación.
Non parecen sentir, porén, a máis mínima preocupación pola desaparición na súa familia da lingua galega, e o feito de que as súas fillas xa non poidan expresarse no único idioma que fala a súa bisavoa non dá a impresión de que os inquiete o máis mínimo.
Seguro que non se trata dun caso illado e estou certo de que o lector coñecerá familias cun comportamento lingüístico similar. Os meus amigos non son persoas belixerantes coa lingua. Non falan habitualmente en galego, pero fano se o interlocutor insiste en manter esta lingua ou se detectan que dese xeito poden ser mellor comprendidos. Mesmo se podería dicir que a cuestión do galego atrae, de xeito difuso, as súas simpatías. A súa lingua de instalación, porén, é o castelán. Sospeito que os meus amigos, con algún engadido e algunha subtracción, representarían a boa parte desa Galicia que adoita expresarse en castelán.
Cales son as razóns polas que eles, e moitos outros coma eles, optan por este tipo de conduta? Ao meu xuízo hai algúns motivos que determinan ese comportamento e sobre os que quizais non se reflexionase o suficiente á hora de deseñar políticas que lles fagan fronte. Vexamos catro deles:
1 A percepción da lingua galega como un instrumento prescindible.
Todo o mundo adoita analizar dalgún xeito os beneficios que espera obter á hora de realizar calquera tipo de investimento, tanto económico como de esforzo ou de tempo. Os meus amigos envían as súas fillas dende ben pequenas a clases de inglés, e probablemente cando sexan algo máis vellas realizarán tamén algunha estadía nun país de fala inglesa. A aprendizaxe do inglés, máis aló do currículo escolar, supón para estes pais un importante esforzo tanto en termos económicos como de tempo, pero fano porque perciben con claridade que o dominio desta lingua poderá no futuro supor unha vantaxe competitiva para as súas fillas. Algo similar ocorre co castelán. Que pasa co galego? Pois que simplemente ou se considera por completo prescindible ou se confía de xeito vago en que a súa aprendizaxe se dará de xeito natural, por ósmose ambiental. E isto, que hai uns anos ocorría con frecuencia, xa non é unha realidade en grandes núcleos de poboación. Anos atrás moitos que fomos educados en castelán adquirimos o galego por simple necesidade, practicamente de xeito inadvertido, ás veces como unha marca máis para reafirmar o noso paso á idade adulta (o galego era, en tempos e nalgunhas zonas, patrimonio dos adultos, así como o castelán o era case en exclusiva da infancia) e outras como instrumento necesario para comunicarnos cun contorno que se expresaba de forma bastante compacta nesta lingua; e todo isto nun contexto ben máis desfavorable para a lingua e en ausencia do seu ensino escolar.
Algúns pais confían, tamén, en que o ensino oficial complete a súa falta de compromiso na transmisión da lingua, de aí a importancia que a escola supla, na medida das súas posibilidades, as inhibicións das familias neste eido. É ben certo que o coñecemento do galego non garante necesariamente o seu uso, pero dende logo a súa ignorancia si que asegura o seu desuso.
Do mesmo xeito que o inglés ou o castelán son percibidos como linguas que achegan vantaxes e pluses, os beneficios do galego pasan desapercibidos. E non só iso, senón que en moitos casos a lingua galega é considerada como un elemento perturbador, como unha interferencia na consecución dun axeitado dominio das outras. Como se saber galego fose un impedimento para saber castelán ou inglés... cando está demostrado que o coñecemento de linguas, cantas máis mellor, facilita enormemente a adquisición do dominio en novos idiomas. Detrás dun prexuízo deste tipo deben estar as reivindicacións do “dereito a escoller o idioma da educación para os fillos” tan de actualidade arestora e que, por moi disfrazadas de democracia que se queiran presentar non deixan de ser, no fondo, unha esixencia do dereito á ignorancia da lingua galega. Sería necesario un maior esforzo para explicar que o intelixente, en cuestión de dominio de linguas, é sumar, independentemente de cal sexan os factores (isto é, as linguas) que compoñan a adición. E que no caso do galego o esforzo necesario para convertelo nunha lingua máis, nun coñecemento máis, é mínimo. En definitiva, que con moi pouco investimento pode conseguirse un enorme beneficio.
As políticas lingüísticas aplicadas ata o momento non foron quen de visibilizar as vantaxes dun correcto dominio da lingua galega, quizais porque se insistiu moito en argumentos que poñían o acento no pasado (lingua dos devanceiros, esplendor medieval, apelos á tradición...) e se descoidaron as razóns de futuro, ou polo feito de se facer fincapé en beneficios ben reais pero intanxibles (a cultura, a intelixencia, o incremento no desempeño intelectual que outorga o coñecemento doutra lingua) que a poboación non percibiu con claridade. Unha parte de responsabilidade non menor nesta percepción da escasa utilidade da lingua galega debe tela o feito de que dende os inicios da democracia ata hai pouco tempo a esixencia de coñecemento da lingua galega para o acceso a postos de traballo na administración galega fose, por dicilo dun xeito diplomático, moi laxa. Nunca o descoñecemento da lingua foi un impedimento para traballar nas institucións dependentes do goberno galego, mesmo en organismos que deberían ser tan coidadosos co idioma como a Compañía de Radio e Televisión de Galicia, dado que en boa medida foron creados mercé á existencia e ao compromiso de conservación da lingua e durante moito tempo foron financiados con avultadas partidas de política lingüística. O descoñecemento da lingua non foi una pexa dado que o sistema de certificación do coñecemento da lingua galega (os coñecidos títulos de iniciación e perfeccionamento) podían obterse na inmensa maioría dos casos, paradoxalmente, sen acreditar máis ca un moi imperfecto coñecemento da escrita da lingua e ignorando olimpicamente o resto de destrezas (a comprensión oral, a expresión oral ou a comprensión escrita). Iso explica porque aínda na actualidade o número de persoas que se presenta aos exames Celga ascende a unhas catro mil anuais, e no caso do éuscaro, por poñer un exemplo próximo, son arredor de quince mil os que cada ano se matriculan nos exames para obter o EGA (certificado de coñecemento do éuscaro, equivalente ao Celga 4), case catro veces máis, cando os falantes de galego triplican abondosamente aos daquela lingua. O castelán e o inglés supoñen unha vantaxe ou mesmo un requisito imprescindible para acceder ao mercado de traballo, mentres o galego non se percibe como necesario.
2 A percepción da diversidade como un inconveniente.
Algo que sen dúbida afunde as súas raíces na maldición bíblica do mito da Torre de Babel, e tamén na Revolución Francesa e o xacobinismo, na absurda (por irreal) concepción do estado coma un contedor no que só cabe unha lingua, cando a teimosa realidade mostra que os estados nos que só se fala unha lingua son unha excepción e que a diversidade é, con moito, a regra. No mundo hai uns 220 estados e máis de cinco mil linguas. De facer un reparto equitativo a correspondencia sería de máis de vinte idiomas por país. Deses 220 estados, non chegan a unha decena os que se consideran monolingües, de modo que o multilingüismo é, con moito, o máis habitual. Tamén en países como Estados Unidos, Gran Bretaña, Francia, Alemaña, Italia, toda Iberoamérica e moitos outros que de xeito habitual son erroneamente percibidos como monolingües. De feito no Estado español case unha de cada seis persoas fala habitualmente outra lingua distinta do castelán. E nun dos países máis prósperos e estables do mundo, Suíza, conviven dende sempre catro comunidades lingüísticas diferentes, todas elas oficiais nos seus respectivos territorios.
En cuestión de linguas a variedade e a diversidade son a tónica xeral, e iso dota á humanidade dunha gran riqueza que en ocasións non somos quen de comprender de xeito cabal. Probablemente ninguén cun mínimo de sensibilidade ambiental discuta a conveniencia de preservar, na medida do posible, a riqueza e variedade do mundo animal ou vexetal. Adoito sentimos mágoa cando lemos na prensa que unha especie se extingue, ou cando a deforestación da amazonía nos deixa adiviñar que probablemente estean a desaparecer especies únicas, aínda non descubertas. Dun xeito ou doutro sabemos que a extinción de animais e vexetais supoñen un empobrecemento dos ecosistemas do noso planeta e polo tanto do noso patrimonio común, e que canda eles desaparecen ademais substancias descoñecidas, posibles remedios a enfermidades, creacións únicas que a natureza tardou millóns de anos en sintetizar. Porén, a redución da variedade lingüística parece deixarnos indiferentes, se cadra porque na sociedade materialista na que nos movemos as linguas son concibidas dun xeito reducionista e utilitario, como simples sistemas de comunicación, só como instrumentos dun mercado. E as linguas son moito máis ca iso. Cada lingua supón un modo orixinal e único de describir o mundo, calquera lingua posúe un pequeno tesouro de palabras únicas, orixinais, sen equivalente nin tradución a outros idiomas, conceptos novos ou matices valiosos que se perden sen remedio cando algunha variedade lingüística morre. Non debemos esquecer que as linguas son o vehículo do saber e que polo tanto a morte dunha lingua implica a extinción dunha cultura. Un mundo no que desaparecera o multilingüismo ou no que xa só se conservaran moi poucos idiomas, sería sen dúbida un mundo moito máis empobrecido, máis manipulable e menos seguro no que vivir.
Pero se fronte á deforestación ou á extinción de especies non é moito o que de primeira man poidamos facer, sobre a cuestión da supervivencia das linguas si podemos intervir de forma directa: comprometéndonos coa nosa.
As políticas orientadas á promoción da diversidade lingüística son inexistentes no Estado español, e practicamente nada se leva feito para impulsar o coñecemento das linguas cooficiais fóra do que son os seus territorios naturais. No caso do galego e do catalán, dada a súa proximidade ao castelán, o esforzo necesario para obter un dominio pasivo sería mínimo. Algo máis custaría o éuscaro. Pero en calquera caso o esforzo pagaría a pena, xa que é moi difícil odiar o que se coñece, e isto ten importancia capital dada a proximidade entre o rexeitamento da diversidade lingüística e o rexeitamento doutros tipos de diversidade que poden conducir ao conflito e á violencia; en definitiva, o repudio daquilo que é diferente chámase racismo. As arelas dos políticos, porén, parecen ir máis ben en sentido contrario a calquera intento de promocionar a reciprocidade de coñecementos lingüísticos, e os tímidos intentos de presenza (etiquetaxe de produtos, publicidade, emprego nos medios de comunicación...) sofren uns atrancos que, por exemplo, non se lle poñen ao inglés. Non hai moitos meses un medio escrito nacional facía unha lectura irónica sobre o Samaín, e describíao como un novo intento diferencialista sen ningún tipo de base histórica. Sen valorar se o Samaín é ou non unha festa tradicional recuperada ou un invento máis recente, o que realmente sorprende é o rexeitamento contra o seu carácter galego, mentres que o Halloween saxón, que penetra con moitísima máis forza, só parece recibir parabéns.
A diversidade, pois, constitúe un ben común, e a Constitución Española recolle no seu título preliminar que “a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección”. Bótanse de menos esforzos políticos decididos a nivel estatal para facer patente á cidadanía non só a importancia de preservar esa riqueza, senón tamén para divulgar a evidencia de que ese patrimonio compete e enriquece a todos os cidadáns, e non é exclusivo dos falantes desas “outras linguas” do Estado.
3 A percepción de que a lingua galega pode sobrevivir soa.
Os meus amigos, e seguramente canda eles moitos outros galegos que se expresan habitualmente en castelán e quero crer que case todos os que o fan en galego, sentirían que o galego desaparecese. Unha Galicia sen lingua galega non sería o mesmo.
Ningunha lingua pode sobrevivir por si mesma, nin o inglés, xa que todas elas precisan para perpetuarse do compromiso, consciente ou inconsciente, dos falantes. Unha lingua é tan fráxil que desaparece todas as noites cando os seus falantes dormen, e resucita ao día seguinte co seu espertar. As linguas precisan das persoas para sobrevivir; nesta regra non hai excepcións.
É verdade que os gobernos teñen unha enorme responsabilidade na promoción do idioma e no deseño de políticas lingüísticas que garantan a súa supervivencia. Así o recolle o noso Estatuto de Autonomía, que establece a obriga por parte das autoridades de potenciar o seu emprego en todos os planos da vida pública e así mesmo de facilitar o seu coñecemento. Pero tamén é verdade que a escolla de lingua é sempre, e en definitiva, unha cuestión persoal, e que fronte a unha negativa do individuo nada poderá facerse para estender o uso (a escolla de lingua é un dereito que aseguran as leis) ou promover o coñecemento (é imposible ensinar a quen non quere aprender). A poboación, cada un de nós, somos os responsables en última instancia.
Porén moitas persoas, ás que lles preocuparía que a lingua galega chegase a desaparecer, non parecen percibir que a súa supervivencia demanda o seu compromiso. Dá a impresión de que “sempre haberá quen o fale” e que ao fin e ao cabo a responsabilidade sobre a lingua compete unicamente aos poderes públicos. A vitalidade da lingua é algo que nos atinxe directamente a todos, e que depende de cada un de nós moito máis do que a miúdo pensamos; todos os esforzos institucionais para a preservación do noso idioma non valen de nada se cada un de nós non asumimos un mínimo compromiso individual. Non pretendo en absoluto descargar aos gobernos dun labor que é a súa obriga estatutaria e moral, pero si chamar a atención sobre o feito de que apenas se fixese fincapé na necesidade de implicar directamente á poboación na tarefa, ou cando menos trasladarlles que a súa colaboración era precisa. Nas políticas lingüísticas levadas a cabo en Galicia, e salvo excepcións, o pobo foi considerado case sempre como un simple obxectivo receptor de accións e medidas, e case nunca como un axente activo.
E do mesmo xeito que a lingua precisa do noso compromiso, tamén necesita accións decididas para que sobreviva. Tal e como están as cousas, tras centos de anos de abandono e sobre todo tras unha ditadura que durante corenta anos reprimiu a conciencia o seu uso, deixar o futuro do galego ao libre transcorrer dos acontecementos sería algo similar a asinar a súa acta de defunción. Por iso as políticas igualitarias non serven, xa que a situación de partida é radicalmente desigual. Tratar do mesmo xeito ao galego e ao castelán (e ao inglés) non será suficiente. Pode parecer aparentemente moi xusto, pero non abondará, sobre todo porque esa suposta igualdade só se discute nun eido, no do ensino obrigatorio, que é precisamente no que a situación das linguas é máis equilibrada. Pero quedan fóra o resto dos ámbitos (comercio, medios de comunicación, sanidade, banca, universidade, empresa, xustiza...) nos que a presenza do galego é aínda testemuñal ou moi baixa. Velaí un terreo para que os defensores do bilingüismo equilibrado traballen a eito se queren ser consecuentes cos seus propios postulados.
4 A percepción do galego como un idioma minoritario.
Lingua minoritaria, lingua minorizada, lingua menos estendida, lingua pequena. As palabras non son inocentes e todas estas expresións usadas decote transmiten unha mensaxe moi clara sobre a cativez da lingua galega. En realidade o número de falantes non inflúe para nada nas características dunha lingua. Non existen linguas mellores ou peores, nin máis ou menos avanzadas, nin máis ou menos dotadas para transmitir uns ou outros coñecementos. Todas elas, sen excepcións, son vehículos de comunicación en esencia moi similares. As diferenzas que algúns lingüistas sinalaron no pasado son debidas sempre a prexuízos que hoxe en día non mantería ningún especialista cabal. Pero é que sobre o feito de se o galego é ou non unha lingua minoritaria habería moito que discutir.
É verdade que, nese conxunto de cinco mil linguas ou máis que fala a humanidade o galego non se sitúa por presión demográfica dentro das vinte primeiras. Pero tamén é verdade que nese grupo figuran idiomas tan pouco coñecidos como o wu, o telugú ou o marathi. Ou que nesa situación tampouco se atopan o grego ou o polaco ou o checo, o sueco, o búlgaro, o finés... E que demográficamente detrás do galego están situadas algunhas linguas estatais europeas, como o lituano, o letón, o esloveno, o estonio ou o islandés. Á xente adoita sorprenderlle que, nese ranquin de cinco mil linguas, o galego se sitúe na posición cento trinta e oito. Dentro das duascentas linguas máis faladas do mundo.
Probablemente o galego sexa, xunto co catalán, unha das linguas non estatais que se atope nunha mellor situación en canto a expectativas de supervivencia. Porque ademais do seu peso demográfico hai outros indicadores que nos poden orientar sobre a fortaleza e vitalidade da lingua. Así, o galego avanza postos de se ter en conta que está entre as cento vinte e oito linguas nas que se ofrece a interface de Google, ou que se atopa entre o medio cento escaso en que está dispoñible o sistema operativo Windows. O galego atópase tamén entre as cincuenta linguas do mundo ás que se traducen máis libros e no número trinta e sete en canto á presenza en páxinas web en Internet.
Non, non se trata en absoluto dunha lingua minoritaria, senón dun idioma con todas as características necesarias para perdurar, para obter a adhesión dos seus falantes. Sería necesario difundir estas informacións, para que os galegos puidésemos rexeitar como unha falsidade esa percepción da nosa lingua como un instrumento eivado e pouco capaz. Tamén cumpriría incentivar con decisión a aprendizaxe da lingua portuguesa á que dende o galego se pode acceder cun mínimo esforzo e á que as autoridades educativas en Galicia lle viraron absurdamente as costas. A proximidade das dúas linguas, fóra de complexos de inferioridade, outorgaríalle ao galego unha fantástica proxección.
Estou de acordo con Singala en que moitos pais prefiren que os seus fillos estudien un idioma coma o inglés e non se preocupan de que están perdendo o idioma da súa terra.
ResponderEliminarEstá claro que unha lingua non sobrevive por si mesma, ten que ter un apoio dos falantes desa terra..Se os galegos non defendemos a nosa lingua, quen a denfenderá e quen a falará?
Eu non estou totalmente dacordo. É verdade que pode haber familiar galego-falantes nas que as novas xeracións van perdendo a fala galega, (oralidad, penso eu, mais non o coñecimento da lingua) pero tamén é verdade que nos últimos vintecinco-trinta anos, co estudo da lingua galega nas escolas, a publicación de libros e revistas en galego,a existencia de radios galegas, incluso da polémica TVG, o noso idioma está chegando a xente que hasta fai moi pouco tempo o consideraba un simple dialecto, o incluso unha lingua de "paletos" (como poidemos contemplar nalguns exemplos expostos neste mesmo blog) e que pouco a pouco van afacéndose a que o galego forme parte, o queiran o non, das súas vidas. Poño como exemplo, a miña propia nai e as súas amigas, todas elas coruñesas de pro, castelán falantes, e no seu momento renegadoras do galego; e velaí as tedes, disfrutando do "Padre Casares", do incombustible e discutible "Luar" e escoitando todas as mañáns a Radio Galega. Baixo a miña apreciación o galego pouco a pouco vaise consolidando como unha lingua con carácter e persoalidade propias. Pode ser verdade que nalguns casos se están a perder falantes, como ocurre no caso do ártigo, pero tamén é certo, que sen ler estadísticas podería apostar a cabeza (sen risgo de perdela)a que agora hai moitas máis persoas que fai trinta anos, que poden escribir correctamente o galego (aínda que pódese comprobar doadamente que non son eu unha delas ), e incluso máis: Existen persoas, dun entorno castelán-falante, que hoxe en día,grazas ao entorno, a escola , etc. falan galego; e non digamos, o mais sorprendente: os extranxerios que se instalan en Galicia, que, como poidemos comprobar, non teñen grandes problemas para coñecer e falar o galego. En fin, que aínda que en esencia estou moi dacordo co discurso de SINGALA, no sentido de que si non protexemos a nosa lingua, corre perigo de extinguirse o de contaminarse exaxeradamente do castelán, tamén é verdade que non debemos ser tan "gaivota chorona". Eu prefiro o estilo GADIS de "Síntome orgullosa de ser galega", "Síntome orgullosa de posuir unha lingua propia como é o galego".
ResponderEliminarAsí que convidovos a todos para que nos sintamos orgullosos, e fagamos todos o que esté nas nosas mans para procurarmos que o galego ocupe nas nosas vidas o lugar que lle corresponde.
PATRICIA FARTO RAMOS
Queda claro tal coma di SINGALA que o galego está en minoría en canto o castelán no referente as partidas presupuestarias, ten máis apoios do goberno. Tamén é verdade que nas grandes poboacións o castelán predomina xa que é considerada a lingua dos "señoritos", aínda que na miña opinión a maior parte da xuventude intenta falar o galego grazas as novas tecnoloxías nas que o galego conseguiu un bo posto de partida.Eu non estudei na Galiza pero escoitei a nosa fermosa lingua dos meus pais dende a miña infancia e penso facer todo o posible para cos meus fillos poidan coñecer e falar galego. Quero pedir perdon si nestas lineas fixen moitas faltas ortográficas intentarei solucionalas o largo do curso.
ResponderEliminarGustaríame primeiro contar unha anécdota que me paso hai dous anos en Barcelona, estaba cun grupo de amigos nunha cafetería, falando en castelán, e tiñamos na mesa do lado un neno pequeno coa sua nai, cando de repente o neno, se xira, e dinme (en catalán)“Porque non falas catalán?” e cun soriso dixenlle (en galego) “porque o meu idioma é o galego” o neno votou a rir e me dixo (de novo en catalán) “quero oirte falar galego” pero nese momento a nai pediume disculpas e levouno.
ResponderEliminarTras ese pequeño díalogo co neno, dinme conta de duas cousas: o acostumado que está o neno o catalán que extrañase cando alguén fala castelán, cousa que en Coruña pasa o revés, cando te parece raro é cando te falan galego, e a segunda cousa foi, que cando o neno me preguntou porque non falaba catalán, respondinlle que porque o meu idioma era o Galego, cando eu falo sempre castelán.
Con esta historia o que quero dicir é que, e certo que se fala pouco, que non estaba ben considerado, que pasou por moitas trabas, pero tamén está nun punto de inflexión, eu cada vez escoito mais galego falantes, sobre todo na xente da miña idade, e volve a ver un sentimento forte polo noso, a nosa terra, o noso idioma. É coma dicia Patricia, sí é certo que lle queda un longo, moi longo, camino por percorrer a lingua para telo prestixio que se merece, o recoñecemento como a nosa lingua, pero non é imposible. Tamén é posible que eu sexa tremendamente positiva neste asunto.
Tamén quero comentar que entendo que os pais leven os seus fillos aprender inglés, estannos a "obrigar" a falar inglés para todo, coma por exemplo para ser admitidos no master, porque o esixe a xunta despois. Coma vimos na clase, o último decreto da xunta tende a poñer asinaturas en inglés (aumentando o número delas progresivamente) etc.. mentres que dase por feito que o nacer e estudiar aquí, vas saber falar galego, entón xa non ai esa preocupación por parte dos pais de que os seus fillos o aprendan (ainda que creo que isto está a cambiar)
Creo que a actitude positiva da que fala Patricia podería facer máis polo uso do galego como lingua habitual. Eu sigo botando moito en falta prensa en galego, creo que iso tamén é un síntoma. Actualmente non o sei, pero hai anos só saía un periódico en galego unha vez por semana...
ResponderEliminarSería interesante relativizar un pouco cal é a lingua estranxeira máis importante, pois saber inglés está moi ben, pero como apunta Singala, o portugués debería de estar máis presente na nosa educación, por proximidade ca nosa lingua.
Estou de acordo co texto de Singala en moitos aspectos.
ResponderEliminarÉ certo que cada vez máis o galego esta a perderse de xeración en xeración, pero creo que iso depende moito despois de cada persoa e na maneira que ten cada un de ver as cousas. Quero dicir, por exemplo, miña nai foi “criada” no idioma galego desde sempre, pero no momento en que comezou a ir a escola tivo que empezar a falar castelán e deixar o galego “na casa”. Imaxino que ir a un colexio de monxas ten moito que ver nisto, ademáis de enmarcarnos nunha época na que o galego estaba mal considerado. Sen embargo, miña nai a pesar de ser escolarizada en castelán e que na meirande parte do seu círculo amistoso o falasen non fixo que ela deixara de falar en galego e que me criara a min na mesma lingua que fixeron con ela. Cousa da que me sinto moi orgullosa.
Tamén creo que cantas máis linguas fale unha persoa mellor porque como todos sabemos, é un gran enriquecemento cultural pero, sen embargo, penso que hoxe en día estáselle dando demasiada importancia o inglés e deixando de lado outras linguas. Creo que na actualidade fomentan moito o inglés, sobre todo na xente nova, pero so como unha ferramenta de uso para mellorar no traballo e non como unha maneira de que a xente sinta inquedanzas en coñecer e aprender linguas como unha forma de coñecer a cultura de outros países ou como a lingua como unha fonte de enriquecemento.
Estou totalmente de acordo que moitas veces hai expresións ou palabras que so poden ser expresadas nun idioma ou que so teñen significado neste mesmo, xa que; que sentimento temos máis forte os galegos cá morriña? Creo que ningún!
Por outra parte creo que nos últimos anos a educación en galego fixo grandes progresos, sobre todo para poder expresarnos de forma escrita. Miña prima ten 36 anos e eu 24, levámonos 12 anos e fomos á mesma escola. Sen embargo, a pesar de ir ó mesmo centro de estudos e de que miña prima fale sempre en galego, dirache que para ela estudar ou ter que escribir en galego resúltalle máis difícil que en castelán, sen embargo eu estudo ou escribo sen ningún problema en galego.
Para finalizar creo que o principal problema que ten o galego son os prexuízos que inda ten hoxe en día. Moitos seguen pensando que é a lingua da aldea, dos “paletos”, dos nacionalistas....entre outros moitos. A toda esta xente gustaríame preguntarlles: Y LUEGO, porque pensáis aun así?
Estou dacordo co texto de Singala aínda que con algún matíz. Estou dacordo en que os gobernos poderían facer algo maís pero non só eles xa que teremos que estar involucrados todos os cidadáns, senon non servirá de nada. Eu tamén podo compartir unha anécdota cunha persoa en Cataluña. Era nunha zona duns 15.000 habitantes (Berga) e fun comprar unha camiseta do Barcelona para facer un regalo. Pedín a camiseta en castelán e faláronme en catalán, eu insistín en castelán e seguíronme falando en catalán, decateime entón que o mellor era que lle falase en galego e iso fixen, qué vos parece que pasou?
ResponderEliminarPois a dependienta cambio o rexistro e pasouse ó castelán.
Tamén penso que o galego ó contrario de irse perdendo estase recuperando xa que cando eu estaba na universidade naide falaba o galego (bueno había alguén que sí o falaba pero eran minoría)e hoxe en día para a miña grata sorpresa hai moita xente que fala o galego.
Xa para rematar dicir que o estudo masivo do inglés é algo que nos inculcan dende os gobernos, empresas....., trátase de competencias que hai que adquirir para poder facer frente ao desempleo.
Un saúdo
Eu estou de acordo con Patricia. É certo que aínda queda un longo camiño para chegar a unha situación na que os galegos sexamos totalmente bilingües en galego e español, pero tamén hai que dicir que estánse a facer cousas ó respecto. Cada vez hai máis xente que empeza a decatarse de a importancia de axudar a manter viva a lingua, e creo que estamos índo á mellor (polo menos ata o 20N, despois haberá que ver.....), pero estáse a avanzar, e hai que apreciar ese avance, non lamentar "que mal estamos". Eu coñezo dos persoas de outros países que viven en Galicia e falan galego, unha delas incluso aprendeu galego antes que español. Este tipo de cousas hai que velas como pequenas victorias.
ResponderEliminarSobre a importancia de aprender inglés, creo que está ben, non para facer frente ó desempleo, senón porque hoxe en día o inglés é necesario para viaxar ó extranxeiro, e é importante para igualarnos cós veciños europeos, xa que nos países máis avanzados de Europa a maioría da xente fala inglés, aínda que non sexa a súa lingua propia, só porque neste mundo e neste tempo no que vivimos, o inglés é importante para cada individuo. Non digo que esto sexa bó ou non, pero é a verdade. A miña tía non fala nada de inglés, e o outro día viño de visita en avión desde Sevilla, e parece ser que tivo que pagar unha cantidade antes de embarcar porque levaba exceso de equipaxe, pero ela non sabía que non podía levar máis de unha bolsa de viaxe "porque ninguén llo dixera", pero a aerolinea mandáralle uns emails en inglés con toda esa información. É certo que non deberían mandar información así de importante nun só idioma, pero é un exemplo de que se hoxe non se fala inglés, pódense ter problemas, aínda que non se saia do estado español.
O caso da familia do texto síntoo ben próximo, pero tamén é certo que moitas veces me teño preguntado por qué a miña avoa nunca me fala en galego, ou por qué lle fala a miña nai en galego e ésta respóstalle en castelán.
ResponderEliminarDeixando o persoal deste tema, hei de recoñocer que algún dos puntos que máis chamou a miña atención é o que se refire ao coñecenento das linguas cooficiais fóra dos seus territorios naturais, nunca dera en pensar nel, e non dubido do seu interese e das súas posibilidades de daren bos froitos.
Tamén sinto total acordo, ou mellor dito, desacordo,cos sistemas de certificación de coñecemento da lingua. Penso que para desenvolveren certos postos de traballo, especialmente cando se trata da propia Administración, habería que demostrar doutros xeitos máis "prácticos"(se é esta a maneira de dicilo) ese coñecemento.
Outra cuestión á que me conduciu esta lectura, pero que creo que co tema do Marco común europeo de referencia das linguas xa está solventado, é por qué nos meus anos no instituto nunca me avaliaron oralmente o galego.
Salientar para rematar dous temas máis, que penso que pola súa repercusión pública poden ter certo peso: por unha banda, o das políticas lingüísticas que non atinaron no seu obxectivo, e por outra, o dos medios de comunicación; se se subvencionan por qué non se lles esixe dalgún xeito ou nalgunha medida, o uso da lingua.
A prensa en galego está desaparecendo,hai cousa dun mes desapareceu o xornal de galicia en internet e xa desaparecera editada en papel.É unha mágoa!
ResponderEliminarO caso familiar do que fala Singala tócame de preto e como xa apuntei en comentarios anteriores non hai explicación ,xa que, os meus pais non se avergoñan da nosa lingua.Simplemente foi polas situcións que viviron.
Agora a responsabilidade está en min, en facer que o galego pase desta miña xeración ás posteriores.
En canto a aprendidaxe do inglés estamos obrigados.Aquí, si que falamos de imposición da lingua inglesa xa que,sin ela acreditada non podemos estudar certos mestrados(este mesmo) e traballar.
É unha mágoa recoñecer que todo o dito por Singala neste texto é verdade.
ResponderEliminarO exemplo da familia repítese en case tódolos fogares galegos e cada un dos puntos tratados reflicte a realidade que vivimos.
Gustaríame destacar dous aspectos da lectura: hoxe en día todos estamos concienciados co medioambiente e coa desaparición dalgunhas especies animais e vexetais, pero se a nosa lingua desaparecese daríanos igual, ou eso é o que parece. Por outro lado, hoxe en día se algo coma un obxecto ou unha idea non ten valor utilitario deixámolo a un lado ata que desapareza; podémolo ver nestes tempos de crise xa que estase a recortar moitos cartos nas axudas a asociacións culturais, museos, teatro... Como amantes das artes debemos mostrar ó mundo todo o que obtemos a través da lectura dun libro, a visión dun cadro ou a escoita dun poema.
E se ademais, todo o anterior o obtemos da lingua galega, provocaremos un sentimento de traballo e ruperación da lingua na poboación galega.
La verdad, yo estoy bastante conforme con el texto. No soy de Galicia, y gracias al máster, es la primera vez que puedo estar en galicia durante un tiempo prolongado. Me ha sorprendido encontrar que lo que se dice en el texto ocurre realmente en el día a día. Por ejemplo, al ir al banco o a al super a comprar es más facil oir a los trabajadores hablando en castellano que en gallego. Aparte esta el tema de la diversidad lingüística, yo hablo castellano, inglés y algo de francés, asi que no entiendo como alguien no podría querer que su hijo hablase gallego, castellano e inglés, por ejemplo. Esa riqueza en la mente del niño al coexistir los tres idiomas creo que es algo que no tiene precio. Esta claro que hay que apollar la diversidad, lingüistica y del tipo que séa, ya que ése es el signo y el sino del siglo XXI
ResponderEliminarEste texto paréceme moi interesante porque expón con moita claridade algunhas das razóns que explican o fenómeno de substitución lingüística nas familias, que case todos presenciamos algunha vez ou mesmo vivimos persoalmente, como é no meu caso.
ResponderEliminarTrátase dun feito moi común que os pais galegofalantes decidan dirixirse ós seus fillos en castelán facendo que esta pase a converterse na súa lingua inicial e substituíndo así ó galego como tal. Como di o texto, isto supón un dos maiores perigos ós que se está a enfrontar o galego na actualidade, unido a outras convicións prexuizosas acerca da utilidade e a necesidade de aprendelo e empregalo que fan que a lingua galega estea cada vez menos presente na vida cotiá de moita xente que decide optar polo castelán, especialmente no medio urbano.
Na miña opinión estas convicións non xorden espontáneamente na xente; non é casualidade que tantos pais coincidan en decidir afastar ós seus fillos do contacto co galego ou que os manden a clases de inglés convencidos de que están a facer o mellor pola súa formación; tampouco é casualidade escoitar tantas veces á xente facer comentarios sobre a importancia de coñecer linguas “útiles” coma o castelán e o inglés... en definitiva, se estas ideas están cada vez máis estendidas en moitos ámbitos sociais da poboación galega, non é máis que unha consecuencia das políticas que se estiveron e están levando a cabo no referente á diversidade lingüística, máis baseadas en conceptos utilitarios e mercantís que no respecto pola conservación da pluralidade e da riqueza lingüística.
Con respecto a isto, paréceme de especial interese o que comenta Núñez Singala no punto 2 do seu texto, cando establece a comparación da riqueza lingüística coa do mundo animal e vexetal. Está claro que promocionar políticas que conservan o patrimonio natural non resulta tan “incómodo” para certos sectores da sociedade como o sería se se fixera o mesmo con respecto ás linguas, pois a conservación da diversidade lingüística no Estado español é un tema moito máis delicado e polémico co que non todos os gobernos están dispostos a implicarse aínda que a Constitución o recolla no seu título preliminar.
Por iso, se as políticas non acompañan, só nos queda facer un chamamento ó “compromiso individual” do que fala Núñez Singala, pois correspóndenos a cada un de nós ser conscientes da responsabilidade que temos coa nosa lingua e das consecuencias que poden ter as nosas decisións. Especialmente no noso caso, como futuros docentes ou se cadra tamén como pais, debemos ter presente cales son as responsabilidades que nos vai tocar asumir, e pensar, retomando o tema do principio, que a supervivencia da lingua está na transmisión que de ela se faga de xeración en xeración.
Belén García Lamas
Estou farto de ouvir a xente da miña idade, galegofalante e castelanfalante, e con fillos:
ResponderEliminar- Na escola os nenos teñen que estudar en castelán, que está ben iso de aprender o galego, pero as clases teñen que ser en castelán.
- Mira, cuando se pasa el Padornelo. Para qué te sirve el Gallego?. En Madrid no te vale para nada. Mejor que aprendan inglés.
- Mira eses catalás de merda a xente quere falar castelán e eles son uns cabrós que obrigan a xente estudar aos seus fillos en catalán.
É xente moi pouco democrática, aquí en Galicia pensan que son maioría e conseguen facer gañar eleccións a certos partidos, de tal forma que a súa forma de pensar, vese apoida por eses partidos que fan políticas en contra do galego, pero aínda por riba, parécelles mal que maiorías consolidadas noutras autonomías e con outra forma de pensar, escollan políticas que defendan o seu idioma propio, como no caso do catalán.
Fai pouco ouvín, a unha compañeira castelánfalante do curso, dicir que lle gostaría vivir en Barcelona, pois ben, recoméndolle que vaia aprendendo a falar catalán, pois para facer unha vida completa en Cataluña non lle vai quedar máis remedio.
Se nós como sociedade non nos implicamos, non se van implicar os gobernos, un exemplo recente, foi o debate político entre Rubalcaba e Rajoy, onde o moderador falou en castelán, italiano e portugués. Para o estado as outras linguas seguen a ser un elemento de zoolóxico, mellor de parque natural (que queda máis fino). Outra vez lembro o do ECOLINGÜISMO de Teresa Moure.
Discrepo con Singala cando di que o caso do catalán e o galego e o mesmo, non o é, o catalán ten detrás toda unha infancia e xuventude que o fala e escrebe en todas as facetas da súa vida e sen ningún tipo de oposición: familiar, social, laboral, ocio, etc.
O caso do exemplo do principio do artigo, non se da hoxe en día, penso eu, en ningunha familia catalana (salvo emigrantes).
Como nós non fagamos trocar a situación do galego, non van vir Rajoys e Rubalcabas a facelo.
Lémbrome dun chiste do Xose Lois: Sae na viñeta Mariano Rajoy cando era Conselleiro dun Goberno de Fraga e o Parlamento estaba no Pazo de Raxoi, e dicía:
“Hola soy Mariano Rajoy, que vego del Pazo de Raxoi de una junta de la Xunta”.
Un saúdo.
A historia que conta Singala reflexa perfectamente o que ocorre na miña familia. Penso que non se lle dou nin se lle da á lingua galega ningunha importancia, pensamos que é algo que sempre estará ahí, e non nos preocupamos dela, de fomentalo seu uso e de falala. ¿O importante? O inglés, o francés ou calquera otra lingua asociada ó mercado.
ResponderEliminarEstou dacordo con que di Singala no seu texto mais penso que o que deberiamos cambiar é a concepción de que o galego pode servir de comunicación con moitas persoas (Portugal, Brasil...). No meu caso personal, meus pais non son galegos e eu tampoco mais cando chegamos aquí, o colexio díxolle aos meus pais que podería non ter que dar galego ou non ter que telos libros en galego. Miña nai os mirou raros e dixo: e por qué non? Para miña nai era un punto a favor pra min falar dúas linguas, incluso tres e non quixo que eu non aprendera galego, xa que era a lingua do lugar onde eu ía vivir.
ResponderEliminarUn saúdo
MIREYA BENITO MORCUENDE
No texto fala da falta de galego na administración que na teoría debería estar garantido. Todo o mundo sabe, a min dixeronmo ata un profesor de eses cursos, que non serven para nada, que como lle vas a negar a unha persoa o traballo por non saber galego. Pois ben eu creo que se se puxo como requisito pois debe selo de verdade, igual que non se podería acceder a un traballo sen saber castelán. Ó final converteuse nunha serie de cursos para gañar diñeiro e poder dicir que si se pedía o galego.
ResponderEliminarTamén, poida que me sinta demasiado identificada coa gaivota chorona ou só sexa realista, que eu penso que o galego si pode desaparecer se non se fala. Escoitei tanto dos meus compañeiros de clase cómo de fóra, a maioría castelánfalantes, que iso non vai pasar e que non está tan mal o galego.
Sintense orgullosos de ter unha lingua propia, ainda que non a falan, igual que a de Gran Hermano. Para min un se tan orgulloso se sente o que quere é ensinalo, ou sexa, falalo. A lingua non vai a sobrevivir soa e necesita de xente que ademais de que a queira a empregue o máis que poida porque xa pasou por demasiada represións e agora precisa de axuda.