EXERCICIO DE DEBATE
Como persoas observadoras no exercicio de onte fixámonos en varias cousas:
· O primeiro de todo foi na participación dos/as compañeiros/as. Nada mais comezar co debate as rapazas participaban algo máis, (tamén é certo que eran máis: 17 mulleres respecto a 6 homes), mais isto durou pouco, sería por falta de confianza, e comezaron a participar tamén os mozos.
· Tamén é discutíbel a colaboración e argumentación, xa que na maioría dos casos eran sempre as mesmas persoas as que opinaban, mentres que algunhas deixaron para o final a súa contribución ao debate, e foron estas persoas que deixaron as achegas para o final, as que utilizaron razoamentos máis concienzudos, mellor elaborados e menos “apaixonados” [Tamén é certo que é máis doado, pois xa houbo un traballo previo].
· Soamente tres persoas de 23 non expuxeron a súa opinión espontaneamente e fixo falta incentivalas mediante preguntas directas do tipo: cal é a vosa clasificación dos criterios menos importantes, dos citados, para a subsistencia do glosolandés?
· O procedemento do debate estivo marcado pola espontaneidade e o respecto entre compañeiros/as. Durante o seu transcurso e debido a que o debate se animaba cada vez máis e os argumentos cobraban maior interese, pasouse a pedir a palabra levantando a man. Non fixo falta a intervención de moderadores.
· Na nosa opinión houbo unha clara diferenciación nos criterios a hora de elixir os ítems máis importantes do exercicio. Os/as compañeiros/as que estudaron filoloxías dábanlle moita importancia aos ítems relacionados coa educación e a sociolingüística, así como a “utilidade” dunha lingua. Isto quedou argumentado por parte dunha compañeira que citou unha experiencia persoal cando estivo fora de Galiza cunha bolsa Erasmus. Argumentou de forma clara e concisa que para ela o coñecer unha lingua coma o galego permitiulle comunicarse cos seus compañeiros, mellor que co castelán. Por outra lado, uníronse as opinións de varias persoas, que pertencen todos o mesmo ámbito laboral (tecnoloxía), en que para elas un dos criterios máis importantes era o do movemento de masas, a importancia de que os cargos importantes dun país se comunicasen na lingua minorizada para que á súa vez repercutise na sociedade, “o poder debe comprometerse coa lingua”.
· Común para todos foi o feito de ter que argumentar cada opinión que se daba acerca dalgúns ítems, xa que nalgún caso era moi complexo.
No ránking de ítems mellor valorados encontramos os seguintes:
1. No sistema educativo a transmisión de coñecementos debe facerse, maioritariamente, desde o glosolandés.
2. Deben transmitirse conceptos sociolingüísticos a través de todo o currículo.
3. É preciso reducir as dúbidas sobre o uso do glosolandés en contextos formais.
4. Cómpre difundir a idea de ser útil o glosolandés.
5. Hai que apoiar o teatro en glosolandés.
6. Debemos recoller todo o léxico do glosolandés.
7. A neoloxía debe facerse desde o glosolandés.
8. Hai que investir en facer xogos de mesa en glosolandés.
9. Cómpre realizar intercambios educativos de centros con diferentes contornos sociolingüísticos.
Un dos máis debatidos e controvertidos foi o de se debía usarse o glosolandés nas festas populares e nos ritos funerarios. Argumentaban que eran eventos que sucedían na vida diaria. As persoas que nos estaban de acordo criticaban que cousas puntuais, opcionais, non fundamentais para a vida dunha persoa. Alguén dicía que relacionar un idioma coas festas íao condicionar negativamente por reducilo aos ámbitos informais.
Houbo consenso entre todos/as en canto a que é moi importante a presenza da lingua na escola e hai que seguir mantendo.
A utilidade ou non dun idioma foi tamén algo moi recorrente no debate, a cuestión era se unha lingua podía ser en concepto de utilidade mellor que outra. Unha compañeira comentaba que na súa casa o seu pai e a súa nai deixaron de utilizar o galego coas crianzas por xulgaren que non era útil para elas.
Os criterios usados para catalogar a importancia duns ítems sobre outros foron:
· Comezar a inculcar o glosolandés desde os máis pequenos.
· Que o glosolandés, estea presente nos mecanismos de poder.
· Darlle importancia a ensinanza como instrumento para fomentar o glosolandés.
· Que o glosolandés chegue a todos sen distinción social.
· Inculcalo en xente máis nova, non en xente en que xa o teña instaurado.
Os ítems dos que se podería prescindir foron:
1. Debe premiarse que os nomes de persoas estean en glosolandés.
2. Son necesarias campañas que fomenten que os glosolandeses inicien nesa lingua as súas relacións de parella.
3. Nas baiúcas debe usarse o glosolandés, sobre todo para brincadeiras.
4. Hai que homenaxear persoeiros que defendesen o glosolandés.
5. Ritos funerarios e festas populares.
Argumentouse que non era bo restrinxir tanto os ámbitos. Canto aos ritos díxose que non eran importantes, o que si era importante era o rexistro escrito, necrolóxicas, lápidas,… que era o que perduraba no futuro, que é do que se trata de conseguir.
Chegouse a conclusión entre todas as persoas que participaron en que existe un problema de actualidade, de contemporaneidade. O pasado pode ser algo moi ritual, polo que se debe investir en cuestións que teñan continuidade no futuro, en conceptos amplos a que todo o mundo poida acceder.
Sem comentários:
Enviar um comentário