quarta-feira, 16 de novembro de 2011

Conclusións do debate no segundo grupo



O debate da aula non foi moi interactivo a partir dos criterios escollidos, mais cada persoa foi dando por separado as súas opinións. Chegouse ao acordo de que o máis importante desde unha política lingüística era intervir no sistema educativo e as actividades de ocio. Así, o criterio que se destacou como o máis importante por unanimidade foi: “No sistema educativo a transmisión de coñecementos debe facerse, maioritariamente, desde o glosolandés”. Tamén foi importante o apoio á presenza de glosolandés na rede, pois aínda que xa existe cómpre reforzala.
          Na idea de que habería que investir en facer xogos de mesa en glosolandés, non todo o mundo estaba de acordo, pois para unha parte da aula era algo fundamental na vida infantil e para outra era algo que estaba fóra da actualidade.
          Hai que apoiar o teatro en glosolandés, debería ser así xa que  fomentaríamos as competencias orais que non poden chegar á escrita.
          En canto ó criterio  “deben transmitirse conceptos (socio) lingüísticos a través do currículo” pensouse que esta sería a maneira de eliminar certos prexuízos. Relacionado con isto destacouse tamén o criterio de reducir as dúbidas sobre o uso do glosolandés en contextos formais, pois isto sería algo positivo porque demostraría maior seguridade e comodidade entre @s falantes.
          Como criterios menos importantes destacáronse “Nas festas populares debe usarse o glosolandés”, pois non creían que ese era o lugar polo que había que comezar, se non que iso sería unha consecuencia de todo o anterior. Alén disto, considerábase que se a xente xa usaba o glosolandés nestes ámbitos debía manterse, mais o feito de empregalo nas festas non ía facer que a xente cambiase de lingua. O importante sería que os grupos e orquestras que soasen  tivesen un repertorio maioritariamente en glosolandés.
          No criterio de “nos ritos funerarios cómpre empregar o glosolandés”  chegamos á conclusión de que o importante  é que as lápidas e as esquelas estivesen en glosolandés, porque é o máis visíbel. Fomentar o emprego do glosolandés no rito considerouse menos importante porque é algo efémero. O que si que sería interesante é que as igrexas o incorporaran ós seus ritos como lingua habitual, mais aínda así en cuestión de prioridade este criterio non estaría entre os primeiros postos porque non fomentaría o emprego da lingua na xente nova, ao ser menos asidua das celebracións relixiosas; e a xente maior, que é a máis asidua, xa emprega o glosolandés.
          Outro campo que se reduciu a algo secundario é o da investigación que incluía criterios como a tradución de toda a lexislación ao glosolandés, o coñecemento do nome dos paxaros só nesta lingua… Alguén propuxo que a recolla do léxico era algo importante, mais houbo un debate se nunha lingua que presenta esta situación era o máis importante, porque non estaba morrendo. Como criterio para demostrar que non era importante díxose que a maioría das palabras que aparecen no dicionario ninguén as coñece. Relacionado con isto tamen cómpre dicir que  a tradución da lexislación non implica a ninguén , polo tanto, tamén é menos importante.
          A da mercadotecnia estivo entre as menos importantes, pois xustificouse que era un gasto inútil.
          En canto a homenaxear persoeiros que defendesen o glosolandés,cabe salientar que non fagamos homenaxe á historia mais si  á actualidade, referentes coa que a xente poida dialogar.
          Con respecto a reforzar o prestixio internacional do glosolandés investindo en lectorados, considerouse que era unha medida interesante mais se atendemos á orde de prioridade estaría moi por debaixo dos criterios referentes á educación, polo tanto pasaría a ocupar os postos intermedios na listaxe.
          Formulouse tamén unha proposta que resultou enriquecedora para o debate e que consistía nunha clasificación dos criterios en grupos segundo o ámbito ó que pertencían. Así, establecéronse cinco niveis: o da información, o da educación, o da investigación, o da cultura e o do ocio. Isto permitiu ver máis claramente que os criterios que se incluían nos apartados de información e educación eran os máis importantes e por tanto os que debían acadar os postos máis altos, mentres que os que se englobaban no apartado de investigación ( neoloxía en glosolandés, manuais universitarios en glosolandés e traducir a lexislación) resultaban dificilmente úteis se non implicaban o uso da lingua por parte da poboación.
          Como conclusións, é interesante resaltarmos que o criterio que se tomou maoiritariamente como pauta para escoller os enunciados por parte dos que participaron no debate foi o de actualidade, é dicir, deuse prioridade a todo o que implicaba o fomento do glosolandés en ámbitos e temas de actualidade e na xente nova. Por iso, fomentar a presenza do glosolandés en todos os níveis do ensino foi considerada a medida pola que había que comezar para mellorar a situación de Glosolandia. Tamén se acordou que era importante a lentitude, e polo tanto o referente a cambios na educación e nos valores implicaba que se fixera de xeito lento e eficaz.


2 comentários:

  1. Acabo de ler esta noticia no xornal EL PAIS, lembroume o debate así que aquí volo deixo, sobre o uso do galego minoritariamente nas lápidas funerarias, por se vos interesa, http://www.elpais.com/articulo/Galicia/gallego/morir/elpepuespgal/20111203elpgal_15/Tes

    ResponderEliminar
  2. Moi interesante a noticia Lara!

    ResponderEliminar