Onte falamos sobre lecturas e, aínda sen recoller todo o que alí saíu, quixera apostar moi en serio pola lectura e facelo comezando aquí cunha serie de recomendacións desde esa óptica de aposta pola contemporaneidade, para cando tiverdes vagar.
Poesía
Para alén da gran Lucía Aldao (Isto é un poema e hai xente detrás), con esa voz potente coa que un día nos soprenderá cantando, de Enma Cruceiro, de Estíbaliz Espinosa, de Gonzalo Hermo, de Dores Tembrás, de Cristina Cabada, de María Lado, de Helena de Carlos, de Marilar Aleixandre, de Mª Xosé Queizán…, e un longo etcétera en que sinto esquecer nomes, son moi recomendábeis:
Marga do Val: a obra A cidade sen roupa ao sol, publicada por Espiral Maior, foi Premio da Crítica a nivel do Estado e é unha obra de altísima calidade.
Tamén é unha grande obra a de Ana Romaní, a última, con moitos recoñecementos no país, foi Estremas, mais toda a súa poesía é de moi alto nivel.
Andrea Nunes Brións, que o ano pasado fixo o Mestrado de Secundaria e é co-autora do vídeo Memoria da lingua coas Candongas do Quirombo, publicou Todas as mulleres que eu fun, un volume tamén de fortes intensidades.
Narrativa
Coido que hai moitas persoas que xulgan que unha das voces máis conmovedoras, máis novidosas, da narrativa contemporánea é Teresa Moure. O recoñecemento máis habitual da novela Herba moura, un auténtico boom editorial dentro e fóra das nosas fronteiras, oculta a relevancia dunha obra moi diversa. A casa dos lucarios, para quen queira entrar cunha obra pequena en volume, un relato sobre a evolución da casa e das relacións de vida tradicionais, A xeira das árbores, unha novela curta que conta un día na vida dunha muller en continua tensión por cumprir nunha sociedade que nos esixe demasiado. Benquerida catástrofe, sobre as identidades sexuais e a necesidade de eliminarmos o binarismo dicotómico que nos abafa. A intervención, que relata a utopía de facer performances comprometidas no Courel,...
Rosa Aneiros é outra narradora recoñecida, cunha prosa fluída e un importante dominio léxico que nos traslada a outros lugares: Sol de inverno, Resistencia, Veu visitarme o mar e un longo etcétera de obras que están a agardar por nós.
María Reimóndez fíxose famosa coa novela O clube da calceta, representada en teatro e levada ao cinema, mais tamén escribiu outras obras transgresoras como Pirata e é recomendábel o seu volume poético Moda galega (levádeo para riba), onde pretende cuestionar a nosa dependencia das modas.
A perspectiva desde a porta, de Patricia Janeiro, Futuro imperfecto de Xulia Alonso ou Circe ou o pracer do azul, de Begoña Caamaño son obras de autoras menos coñecidas que paga a pena visitar.
Os nomes de Mª Xosé Queizán, Marilar Aleixandre, Inma López Silva ou Iolanda Zúñiga poden unirse aos de moitos autores como Agustín Fernández Paz (O único que queda é o amor), Manuel Rivas, Suso de Toro (Home sen nome), Xabier Quiroga (O cabo do mundo), Lois Diéguez (A poutada do oso), Xavier Queipo (Dragona), Carlos Quiroga, Neira Cruz e tantos outros con historias diferentes, para todos os gustos, que só tes que dar con elas, procuralas.
Falarei outro día de teatro e de ensaio, que o teatro tamén se le e o ensaio é fundamental para transformar a sociedade. Mentres, por se alguén aínda dubida da importancia da lectura, déixovos este discurso pronunciado por Teresa Moure hai catro anos:
Todos os discursos dos Premios Xerais pagan a pena e están na rede: o de Xosé María Álvarez Cáccamo, o de Manuel Rivas, o de Mª Xosé Queizán...
Para aquelas persoas que len moito en español, quixera convencelas de que poden achar en galego as obras de Pamuk, de Anna Gavalda, de Muriel Burbery, de Doris Lessing, de John Berger e un longuísimo etcétera..., e que é bo tamén coñecer a literatura en español que poderiamos cualificar de minoritaria. Sensacional toda a obra de Belén Gopegui: El padre de Blancanieves ou Deseo de ser punk, por nomear as máis recentes, achegarse a Gioconda Belli, ao clásico La mujer habitada ou a El país de las mujeres ou coñecer as sensacións dunha nena autista a través de La mujer que buceó dentro del corazón del mundo, de Sabina Berman.
Seguimos...., seguide...
O ano pasado tiven a sorte de coñecer aos autores dun pequeno conto precioso de ver e moi faciliño de ler, que publicou a Oficina Municipal de Consumo da Coruña, e que ten por nome "Un xoguete para Rosalinda". Os seus autores son Ana Prado e Suso Cubeiro. Porque é certo que hai escritores galegos que merecen a pena ler, pero deixádeme que vos cite a este ilustrador coruñés que sempre fai que os contos que debuxa teñan tanta maxia.
ResponderEliminarAos que, coma mín, vos gusta a natureza, non podedes deixar de ler os seus contos (aínda que sexan para pequenos e pequenas) e de ver os seus debuxos. Outro conto que me encantou de este autor foi "No corazón da fraga".
Se conseguides algún dos dous, veredes que non vos minto!
Está claro que para os que nos gusta ler, ler, ler…, non hai nada comparable ó descubrimento dun ‘tesouro’ feito de palabras e silencios. Fai moitos anos descubrín na revista Luzes a Lois Pereiro, que foi como recibir un disparo entre cella e cella (e que gran sorpresa o ano pasado cando vin que lle dedicaban o día das Letras Galegas!!) e tamén a John Berger, que nese número publicaba as súas ‘Doce Teses sobre a economía dos mortos’, que recomendo encarecidamente (teño que lembrarme de dicirllo a Telmo ;)), sobre todo nun país como Galicia, onde aínda hoxe a xente –polo menos a maioría- comprende a importancia que estes teñen na existencia dos vivos.
ResponderEliminarEn canto ás lecturas descubertas ultimamente, e tamén re-descubertas, por un lado recomendar ‘A arte de amar’ de Erich Fromm, e dicirche moitíssimas gracias, Goretti, por descubrirme a Andrea Nunes ó deixarme o poemario ‘Todas as mulleres que fun’ (que recomendo dende aquí tamén a todo o mundo que guste da boa poesía, ou simplemente dos latexos de verdade, do bo sentir). É sen dúbida unha poeta e unha muller das que van ‘a peito descuberto’, das que ‘disparan a dar’, incluso –e sobre todo- contra o espello, e coa máxima sinceridade. Foi un pracer ‘asistir a este espectáculo sen artificios’, ler este exercicio poético-corporal-emocional no que a autora vai recollendo as peles das mulleres que se lle achegan, ben en persoa ben dende tempos lonxanos, para vestirse ela mesma, tan núa en esencia e por iso mesmo tan, como dixen e repito, sincera. E é que moitas veces, as/os escritoras/es e poetas son como ‘xogadores de xadrez’, inventan estratexias, combinacións ‘perfectamente enrevesadas’ de palabras, xogando a derrotar ó lector/a con frases aparentemente cheas de contido, pero que só son disfraces, meras formas e cores baleiras de significado (en lugar de compartiren experiencias, que, para min, é do que se trata)...
Andrea non, ela declara abertamente que ‘roubáronnos os ollos e agora somos nós mesmas as que remontamos as visións’, como quen sube unha montaña (feita de séculos e non de pedras), para chegar ó outro lado, a Matria, onde se pode falar sen medo da necesidade de aprender a espirse en lugar desa outra, tan ‘suxa’, de ter que vestirse, sorrirse, con roupas que non son máis que sinais de escravitude, ou do pracer de quecerse coa calor da pel desas outras mulleres, tamén verdadeiras habitantes de Matria, que, aínda tendo medos e incertidumes coma todas, loitan por acadar o que elas esperaban de si mesmas, que aí é nada… I é que estamos feitas de todas as mulleres que xa foron e que por tanto tamén fomos nós, costureiras do sentir e da fala, como di Teresa Moure, xa que ‘en Libertaria, cando ás palabras lles rachan as costuras, rapidamente cosen palabras novas’ e iso fai Andrea Nunes, tece e destece –aínda que estea ás veces calada- costuras, feridas, cicatrices, peles, amores…, e todo con palabras novas, aínda que pertenzan a mulleres vellas, aínda que veñan de lonxe.
ResponderEliminarPodería poñer aquí ducias dos seus versos, pero apetéceme quedarme con “non todas preferimos o paxaro na man, a outras dános polo cento voando…”, que é como acostumo sentirme, aínda que, coma todos, teña a casa e a vida chea de gaiolas…
Por certo, unha recomendación da rede: hai un blog, www.emmagunst.blogspot.com, no que, basicamente, se publica poesía escrita por mulleres (rara vez aparece algún home); non é unha cuestión de discriminación ou 'mala leite', simplemente, é a filosofía do blogue, darlle voz ás que durante décadas non a tiveron. Deixo aquí o enderezo (aínda que vexo que non está entrando moita xente neste comentario), porque soen aparecer poetas galegas (por exemplo Miriam Reyes gústalle moito á administradora -o blogue é de Arxentina, por iso está todo en castelán, ou de vez en cando coa versión orixinal e a tradución).
ResponderEliminarEn fin, sen máis, lembreime agora e queríao poñer, que me gusta moito, a verdade, e creo que Miriam Tessore, que é quen o leva, fai unha excelente labor de difusión da poesía.
Quitando os libros que tiven que ler por obrigación na carreira (fixen filoloxía), todos foron por recomendación de alguén. aprecio moito que profesores e compañeiros dediquen uns minutos a pensar en aquel libro ou poema que espertou neles unha sensación bonita e que podería satisfacer a moita máis; estos post son tamén unha idea estupenda para buscar bos regalos nestas datas.
ResponderEliminarA miña aportación será sen dúbida para os autores hispanoamericanos, coñecidos como Vargas Llosa e menos coñecidos como Vicente Huidobro o Juan Rulfo; a miña autora preferida é Isabel Allende, unha muller que fíxome sentir que non existe cousa imposible tras ler "Hija de la fortuna", e que un mundo mellor é posíbel con "La casa de los espíritus".