Como comeza primeiramente o cambio de lingua? Comeza coa decisión da comunidade de deixar de transmitir a súa lingua aos seus descendentes. O resultado é unha interrupción na transmisión da lingua. Por interrupción da transmisión entendo o paso directo dunha lingua dunha xeración á seguinte. O seu correlato pragmático son as estratexias de transmisión lingüística que, segundo nos revelan os máis recentes estudos interculturais sobre a adquisición de linguas, parecen ser parcialmente intuitivos e parcialmente específicos de cada comunidade (tradicionais). En todo caso, sempre implican un modo específico en que as nais (ou outros adultos transmisores) falan aos seus fillos -isto é o chamado "maternalés" polos especialistas en linguaxe infantil- así como repeticións, xogos exercitadores, correccións e outros tipos de meta-comunicación, especialmente discusións sobre a orde de palabras e unha forte tendencia a asistir e dar coraxe aos nenos e nenas nos seus esforzos por probaren a ferramenta lingüística. As estratexias de transmisión lingüística desempeñan un papel tremendamente importante na adquisición da lingua, cuxo impacto na morte de linguas será evidente na discusión posterior.
Parece apropiado agora dicir unhas poucas palabras sobre as razóns para interromper a transmisión dunha lingua. Aínda que os motivos para unha tal decisión poidan variar dun caso a outro, especialmente nos seus detalles históricos (política lingüística restritiva nun caso, razóns económicas noutro), os estudos sobre as situacións de morte lingüística apuntan sempre a un elemento común: a existencia de fenómenos de presión socio-económica ou socio-psicolóxica que moven os membros dunha comunidade de fala economicamente máis débil ou minoritaria a abandonaren a súa lingua. Isto acontece -non sempre, mais decote- a través do desenvolvemento dunha actitude negativa, que culmina en dúbidas colectivas sobre a utilidade da lealdade lingüística. A actitude cara a lingua A non é enteiramente negativa; pode ser esquizofrénica, de xeito que a conservación da lingua se valora positivamente por unha razón e negativamente por outra. Por exemplo, de acordo coa miña experiencia co arvanitika e o arumano en Grecia, hai casos en que a xente aínda conserva unha actitude positiva cara a súa lingua en tanto que sinal da identidade de grupo mais negativa noutros aspectos: dise que a lingua debe ser abandonada "porque é fea e pouco útil". Debe asumirse que esta constelación caracteriza situacións en que hai unha política lingüística agresiva por parte da comunidade de lingua dominante que consciente e deliberadamente elabora criterios para a valoración negativa da lingua recesiva ou minoritaria.
Pode ser de axuda interromper aquí por un intre para debuxar un esquema máis preciso das relacións implicativas de envoltura externa, conduta e consecuencias estruturais neste punto. Poñamos unha comunidade multilingüe, que -por razóns de tipo histórico- mostra unha distribución de linguas desnivelada. Por razóns políticas e/ou económicas este desequelibrio convértese na fonte de presión social que pode crear unha actitude negativa cara a lingua do grupo recesivo e levar á decisión de abandonar a lingua. A distribución desigual de linguas nunha comunidade bi- ou multi-lingüe sempre dá lugar a unha distribución complementaria de dominios, que consecuentemente leva á perda léxica ou a un desenvolvemento léxico defectivo nos dominios que favorecen á lingua dominante. Debido á restrición de dominios, o bilingüismo aumenta porque os falantes se ven forzados a aprenderen a lingua dominante para usala en dominios onde a lingua recesiva non pode usarse. Isto acrecenta a interferencia e a simplificación (p. ex. a perda de sistemas morfo-fonémicos) mais a lingua A aínda pode permanecer como unha lingua funcionalmente intacta. No entanto, unha vez que se toma a decisión de abandonar A e a transmisión lingüística se ve interrompida, a situación cambia radicalmente. A lingua antes primaria A faise secundaria e comeza a mostrar serios signos de imperfección. Debido á falta de estratexias de transmisión lingüística, a única fonte de datos de A para o neno/a nena é o que ocasionalmente escoita no seu contorno. Porén a simple exposición a unha lingua non abonda, obviamente, para desenvolver un nivel de soltura normal. Ademais nunha situación en que case todos os dominios foron conquistados para a lingua T, A simplemente non será usada nun número importante de estilos (narrativo, formal, etc.). Desde a perspectiva sociolingüística, o uso restrinxido de A ten un efecto de retroalimentación na actitude negativa cara a A.
É nese punto cando entramos na seguinte fase -quizais a crucial- no proceso de morte da lingua. Este período caracterízase por un fenómeno chamado decaemento lingüístico e que pode definirse como a desintegración lingüística que é típica da fala dos semi-falantes, isto é, a xeración falante que resulta da interrupción da transmisión. Cando un considerábel número de nenos e nenas nunha comunidade de fala bilingüe se suxeitan regularmente a estratexias de transmisión só nunha das linguas (e quizais aínda se ven abertamente desaniman a adquiriren a outra) a consecuencia trivial é unha adquisición imperfecta da lingua cuxa transmisión se suprimiu. Os semifalantes caracterízanse por un imperfecto coñecemento de A. A súa morfoloxía é extremadamente defectiva e a perda de categorías importantes (tempo, aspecto, modalidade), aínda que esas categorías estean presentes en T. A súa fala adoito mostra unha simplificación sintáctica semellante aos pidgins e unha forte inseguranza no conxunto de formas e funcións. Dificilmente son capaces de dominar as distincións fonolóxicas de A e mostran estremas variacións na pronuncia.
Sasse, Hans-Jürgen (1992): "Theory of language death" in M. Brenzinger, Language Death. Factual and theoretical explorations with special reference to East Africa, Berlin -New York , Mouton-De Gruyter 1992, 7-30.
Un exemplo moi claro témolo cando escoitamos á clase política da nosa terra. Gran parte deles falan galego mesturando galego e castelán. Pensó que froito dunha educación en castelán, onde o seu contacto co galego limitouse, a unha mera exposición auditiva.
ResponderEliminarProbablemente, durante a súa xuventude, o seu estudo do galego foi nulo ou moi escaso, e a educación recibida dos seus país, en castelán. Cantos pais se dirixen ós seus nenos en castelán, mentres entre eles falan en galego?.
Cando eses nenos sexan pais, falarán ós seus futuros fillos en castelán e estes nin tan sequera poderán oir o galego nas bocas das principais referencias das súas vivas.
Comparto a idea de Emilio, e estou dacordo co artigo en que unha lingua decae cando se deixa de transmitir xeración tras xeración. No meu caso, miña nai fala o galego cos seus pais, pero a mín sempre me falou en castelán, e foi na escola onde aprendín realmente o galego. Seguramente se aínda vivise na aldea onde viviu ela a súa infancia, naquel ámbito familiar de fala galega, probablemente, falaría o galego de maneira habitual, e moito mellor do que o falo. Hoxe, falo o galego case tódolos días, con amigos e amigas, na aula, neste blog, ás veces coa familia, e aínda que a perda tras xeracións sexa de grande peso, o importante é unha vontade e actitude positivas de cara a fala. Moitas veces, por educación ou cortesía coa xente, tendemos a falar en galego, e esa actitude de respostar en galego é o que non se pode perder.
ResponderEliminarNa radio ou nos programas televisivos escoitamos tódolos días semifalantes de galego, persoas contratadas nun programa adicado a oíntes galegos/as e que tiveron que adaptar o seu escaso coñecemento da lingua para poder facer o seu traballo.
Estou dacordo con Emilio, e comparto tamén o que expón Estefanía.
ResponderEliminarNestes casos mistúrase a condición que che impón a sociedade, por favorecer unha lingua máis ca outra; a que ofrece a escola, incumplindo moitas veces os plans de estudos; e sobretodo a da familia.
Meu caso é moi similar ó de Estefanía, pero máis marcado. Meus pais nunca me falaron en galego, eles xa foron educados en castelán. Así que sinto claras desvantaxes que puiden solucionar por estudar o galego na escola e por ter unha programación na televisión en galego.
Pero como comentábamos noutra entrada, todo isto depende tamén da vontade do falante e da inquedanza individual de coñecer e utiliza-la lingua.
Comparto a opinión dos meus compañeiros e, o igual que as compañeiras na miña casa a miña nai para dirixirse a min sempre emprega o castelán.O meu pai pola contra, sempre se comunica en galego, tanto para dirixirse a min como para falar coa miña nai.
ResponderEliminarPor outra banda, resaltar o que menciona Estefanía, que moitas veces nos medios de comunicación contratan a persoas que falan un galego cheo de erros e, estos erros exténdense a unha parte da poboación semifalante.
Ola.
ResponderEliminarComo din os meus compañeiros, os medios de comunicación son en moitos casos os que levan os erros á poboación. Ademáis, os políticos e a xente da televisión e da radio, falan un castelán cheo de palabras galegas.
No meu caso, non son galega de nacemento, pero o meu castelán e o dos meus pais está cheo de galego. Creo que ata somos semifalantes de castelán. Cando vou fora de Galicia, moitas expresións que uso en castelán non son "ben recibidas" polos falantes dun "castelán perfecto".
Ademáis, penso que as inclusións que se fan no galego, por parte do castelán ou doutra lingua, ou mesmo modificacións que se fan no galego como formas léxicas e sintácticas que se deixan de utilizar, son unha parte moi importante para perder unha lingua, e sen querer estámolo facendo.
Un saúdo
MIREYA BENITO MORCUENDE
Moi descritivo o artigo. Comparto o que dixeron os meus compañeiros, mais gustaríame facer unhas puntualizacións. É verdade que os políticos desta xeración non foron escolarizados en galego, pero se a maioría se poñen a aprender inglés, que menos que aprender a falar galego?
ResponderEliminarOutra cousa é que a miúdo os erros dos medios de comunicación parecen deliberados (ou ben non teñen nin un só corrector lingüístico na TVG).
Un dos principais problemas que se presentan na perda da lingua é pola perda xeracional .
ResponderEliminarNo meu caso , os meus pais falan entre eles en galego, pero a min educáronme en castelán.
É unha mágoa que fose así e eles mesmos non saben darme explicación algunha.A miña vontade e inquedanza dende ben cativa fixo que, hoxe en día ,fale con eles en calquera das linguas.
Estou de acordo en xeral cós demais compañeiros. A interrupción da trasmisión dunha xeración a outra é un dos pricipais problemas. Eu son dunha aldea e meus pais sempre me falaron galego, pero coñezo casos que entre eles falan en galego, e sen embargo, ós fillos sempre lle falaron en castelán.
ResponderEliminarTamén é certo que nos medios de comunicación hai semifalantes, tanto na radio coma na televisión, e adóitanse escoitar castelanismos a cotío, e como apuntaba algún compañeiro, entre a clase pólitica tamén son comuns.
O meu caso é curioso. Meu pai falou galego na aldea cando era neno, pero miña nai pasou parte da súa infancia fóra de Galicia, así que na casa falaba español. Eles acostumáronse a falar en español cando se coñeceron, e a mín educáronme en español. Pero meu pai fala galego co meu avó, e ás veces na casa tamén fala galego, según lle dea, e miña nai fala en galego no traballo, pero por algunha razón extraña, entre nós na casa sempre falamos español, incluso cando meu pai fala galego. É raro, pero supoño que estamos xa moi acostumados a iso. Eu falo un español cheo de influencias do galego, e un galego cheo de castelanismo, é o que hai.
ResponderEliminar