sábado, 31 de dezembro de 2011

Feliz 2012!!!

Moi boa entrada de ano para tod@s!!!
Non se nos escapa a ninguén (non imos caer nos tópicos) que este foi un ano pésimo, con moitas dificultades para continuar o proceso de restitución lingüística do galego. A regresión política vai acompañada de importantes ameazas lingüísticas que o goberno actual teiman en converter en realidade. Así, para alén das penurias acumuladas nos últimos anos entre as persoas do colectivo docente -as que xa forman parte del e que as que desexan integrarse para traballar desde o sistema educativo-, vivimos hoxe con anguria a desaparición de postos de traballo vinculados coa normalización lingüística que moitas persoas estaban a desenvolver magnificamente, chegando mesmo a casos esperpénticos (tod@s con Ames).
Porén, hai esperanzas para o 2012. Cumpriuse o obxectivo de Sermos Galiza e poderemos ter en breve unha voz propia no mundo xornalístico, a Universidade da Coruña resiste e consegue ter un reitor comprometido coa universidade pública, Teresa Moure gaña o premio de ensaio Ramón Piñeiro cun traballo sobre a nosa construción persoal e lingüística, houbo persoas que conseguiron defender as súas propostas en numerosos ámbitos (na investigación, por exemplo, ou nas propostas de intervención pública, nas apostas planificadoras, como o moi atractivo texto gañador do Premio Luísa Villalta que agardamos desenvolver o próximo ano) e, a pesar de todos os atrancos que tentan que desapareza a nosa literatura, apareceron libros estupendos, que non caben neste pequeno caixón. Para alén das magníficas novidades en poesía, narrativa e ensaio, quero aconsellar hoxe un libro diferente, dos tan necesarios en galego. Trátase de Sherezade. Novos relatos de pensamento creativo, da autoría de Carlos Medrano, que xa publicara os primeiros enigmas con anterioridade. Velaquí un entretemento fantástico nestas horas de lecer.

Ficarán moitas cousas por dicir (temos 365 días por diante para o facer) mais deséxovos un ano de ilusións e novos proxectos para partillarmos!!! Por tod@s nós..., por Galiza e pola nosa lingua.

5 comentários:

  1. Igualmente para ti Goretti!!!!! quedan tempos difíciles por diante mais con forza e ilusión conseguiremos deixar o noso país no lugar que lle corresponde!!!

    ResponderEliminar
  2. Igualmente, feliz ano 2012! Sempre hai esperanza, non a perdamos!! :)

    ResponderEliminar
  3. Coa mentalidade que ten a maioría da xente no noso país, nunca o deixaremos donde lle corresponde Ánxela! Xa sabes o dito :"o galego, o único animal que tropeza mil veces coa mesma pedra..."

    Feliz ano!

    ResponderEliminar
  4. E certo que o ano 2011 foi compricado en todos os aspectos, pero sexamos positivos e escomencemos este novo ano con ilusión, o al menos pensando, que as cousas non poden ir a peor. FELIZ ANO A TODOS E BOA SORTE¡
    PATRICIA F.R.

    ResponderEliminar
  5. Eu tamén vos desexo un bo ano, pero para que así sexa haberá que loitar polo que queremos.

    Feliz ano!!

    ResponderEliminar